Wednesday 01 de May de 2024

Ethel Vázquez subliña a importancia da autovía Costa da Morte na mellora da calidade de vida dos veciños da comarca e aposta por facer esforzos para seguir esta vía ata Fisterra


A conselleira de Infraestruturas remarca que resultados así serven de motivación para seguir traballando, “porque sabemos que non está todo feito e que temos que plantexarnos novos obxectivos por diante, xa que ninguén entendería que o deixáramos aí e que a autovía da Costa da Morte non chegara a Berdoias”

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde de Cabana de Bergantiños, Xosé Muiño, participou no acto de entrega de premios do concurso de ideas Autovía Costa da Morte. Camiño de Futuro que tivo lugar hoxe no centro de recepción de visitantes do Centro Arqueolóxico do Dolme de Dombate.

Vázquez destacou a súa alegría e emoción de ver rematada unha infraestrutura que mellora a vida das persoas, un dos motivos que, segundo dixo a levou a estudar Enxeñería de Camiños, un obxectivo que como dixo “sigo tendo presente agora que teño responsabilidades no Goberno galego”.

A conselleira de Infraestruturas convidou a reflexionar sobre “o impacto que a maior infraestrutura viaria feita pola Xunta de Galicia en moitos anos vai ter na calidade de vida das persoas”.

Lembrou que o Goberno galego pensou niso cando planificou unha vía coma esta, sobre todo, nos beneficios que ía ter para a comarca que vertebra.
Ethel Vázquez destacou que os 27 quilómetros de autovía libre de peaxe melloran o turismo, o comercio local ou a industria da Costa da Morte, pero tamén facilitan a comercialización da pataca de Coristanco, ou os desprazamentos ao Hospital. Ademais, subliñou a mellora en seguridade viaria, e sinalou como “agora é máis doado chegar a este fantástico Dolmen de Dombate para os turistas”.

Así mesmo, lembrou “o esforzo orzamentario que houbo que facer, os centos de reunións, as miles de horas de traballo de moita xente, todo para que a Costa da Morte contara con 27 km de autovía” e que tamén remarcou que resultados así “serven de motivación para seguir traballando, porque sabemos que non está todo rematado e que temos que plantexarnos novos obxectivos por diante, xa que ninguén entendería que o deixáramos aí e que a autovía da Costa da Morte non chegara a Fisterra”.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda agradeceu ao Concello de Cabanas, entre outros, a aposta feita con este concurso e con todas as iniciativas para achegar esta autovía ás persoas.

Finalmente, agradeceu o esforzo dos participantes e dixo aos premiados que “na Xunta de Galicia as vosas achegas xa están sendo analizadas con interese e serán motivación no traballo que nos queda por diante”.